Saturday 04 de May de 2024

O Concello sacará a concurso o Servizo de Axuda no Fogar de Carral despois de case dúas décadas sen regularizar


· Os pregos do SAF están concluídos e o expediente de contratación foi aprobado na xunta de goberno local desta semana.

· A prestación sairá a contratación cun valor estimado de 1.180.383,36 euros por dous anos.

· Desde o goberno local explican que “se trata dunha demanda histórica que suporá unhas mellores condicións tanto para o persoal como para os usuarios e usuarias do municipio”.

O Concello resolverá, proximamente, unha débeda histórica coa veciñanza de Carral: a regularización do Servizo de Axuda no Fogar, pendente desde hai case dúas décadas. Os pregos do SAF xa están concluídos e o expediente de contratación deste servizo foi aprobado na xunta de goberno local celebrada esta mesma semana.

Desde o equipo de goberno sinalan que “a regularización deste servizo foi unha das nosas máximas prioridades cando entramos no Concello” e lembran que “a elaboración dos pregos levaba pendente desde hai practicamente 20 anos”. “Trátase dunha demanda histórica que suporá unhas mellores condicións tanto para o persoal como para os usuarios e usuarias do municipio”.

O servizo sairá a contratación cun orzamento base de licitación de 1.180.383,36 euros. O prazo de execución do contrato será de dous anos.

O Concello abrirá, proximamente, a fase de adxudicación mediante a publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante e no Diario Oficial da Unión Europea.